Nace a Plataforma Galega contra a OTAN

Fuente: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/nace-plataforma-galega-otan/20220127130552136357.html                       Redacción                                                                                 13:37 do 27 de xaneiro de 2022

Nace a Plataforma Galega contra a OTAN

Baixo o lema «Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos» constituíuse esta cuarta feira en Compostela.
A fragata 'Blas de Lezo' partiu de Ferrol rumbo ao Mar Negro en plena crise entre Rusia e Ucraína (Foto: José Díaz / Europa Press).
A Plataforma Galega contra a OTAN está integrada inicialmente pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega, Erguer-Estudantes da Galiza, Galiza Nova e Mar de Lumes- Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

O colectivo fai un chamamento a outras organizacións a colaborar no deseño e desenvolvemento dunha axenda galega anti OTAN coa ollada posta na próxima cimeira da organización, que terá lugar en Madrid os días 29 e 30 de xuño.

Entre as accións que ten previsto impulsar nas próximas datas está a celebración dunha «contra-cimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos», así como diversas actividades para difundir o «carácter agresivo e expansivo da OTAN e o papel dos países que fan parte dela», entre eles o Estado español, precisa, «tal como se está a ver na actual crise na Ucraína«.

‘Galiza contra a OTAN’

A Plataforma critica que, «mentres os gobernos occidentais chaman cinicamente a estabelecer parcerías e acordos de cooperación, coa outra man empregan a OTAN para impor unhas relacións internacionais asimétricas e baseadas na ameaza da forza militar».

No seu manifesto de presentación, o movemento anti OTAN rexeita, ademais, o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego para dar soporte á Organización do Tratado do Atlántico Norte e a cesión do porto de Ferrol como base militar.

Lembra, ademais, como os aeroportos de Santiago e Vigo xa foron empregados para escala de voos secretos relacionados coas guerras imperialistas en Afganistán e Iraq.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *